today Escenario Ensenada: Festival Sinsal SON Estrella Galicia 2021
O Festival Sinsal SON Estrella Galicia, que se celebrará do 23 ao 25 de xullo, anuncia novas actividades paralelas coa intención de poñer en valor o patrimonio ambiental da Illa de San Simón. A cita musical, cuxo cartel secreto encabeza o propio territorio, e que este 2021 quere facer fincapé nos valores máis esenciais do Sinsal - natureza, sostibilidade, experiencia, música ao vivo- ofrecerá un paseo en catamarán pola enseada de San Simón o sábado 24 de xullo, en horario de maña. Neste percorrido, que comezará ás 12.00 horas e terá unha duración aproximada dunha hora e media, o público asistente poderá coñecer o espazo da man dunha guía especializada. A memoria da illa e a historia do seu patrimonio, xunto á natureza e espectacular contorna deste enclave, serán os fíos condutores dunha proposta que, como non podería ser doutro xeito, tamén inclúe un secreto musical.
A cita no catamarán, cuxas entradas sairán á venda o luns 19 ás 12.00 horas a través da plataforma Enterticket, engade a estrea en directo, durante o paseo, do novo disco dun artista galego, que o público descubrirá no momento de subir ao barco. Deste xeito, Sinsalaudio mantén a súa aposta pola promoción do talento do país á vez que relaciona a cultura galega coa súa contorna natural.
Xunto á activación da venda de entradas deste paseo, Sinsal SON Estrella Galicia tamén reactivará a venda do último cento de entradas dispoñible para esta edición, nomeada Esencial. A espectación xerada polo regreso á illa de San Simón deu lugar un contratempo no TPV á hora da activación da venda de entradas que, como consecuencia, xerou un pequeno número de incidencias. Tanto o equipo do Sinsal como a plataforma dixital Enterticket seron solución, de xeito individual, a todas as incidencias que se produciron.
Deste xeito, o vindeiro luns 19, ás 12.00 horas, abrirase a venda das últimas entradas para este Sinsal Esencial, que contará con catorce artistas de Galicia, España, Portugal e Estados Unidos que achegarán durante tres xornadas, algunhas das creacións máis estimulantes do panorama sonoro actual.
info Entradas no disponibles (el evento finalizó el 24/07/2021)