JUAN SEBASTIAN BOLLAIN (2)
ENTRADAS
INFORMACIÓN
JUAN SEBASTIÁN BOLLAÍN: SEXAMOS REALISTAS, PIDAMOS O IMPOSIBLE (2)
Mércores 2 de xuño | 16:30 h | SALA (S8) PALEXCO | Reserva aquí a túa entrada gratuíta
Cómpre a ousadía revolucionaria de proxectar o imposible nun mundo no que a realidade ten tornado tan estreita que resulta sufocante. E igual que cando descubrimos a Fourier ou a Morris (velaquí o título destas obra de Morris para saber de que estamos a falar: Como vivimos e como poderiamos vivir, Traballo inútil ou esforzo inútil) sentimos o alivio dunha clarividencia esperanzadora, ao comprobar que no cine de Bollaín se sente a ledicia de ver que alguén con coñecemento de causa (ademais de cineasta, é urbanista e arquitecto) proxecta cidades pensadas en torno ao pracer, a ese provocativo “como poderiamos vivir” que dispara as imaxinacións.
Unha obra profusa, da que queremos destacar unha serie de películas creadas nos 70 que constitúen un acontecemento insólito dentro da historia do cine español, uns filmes nos que o afán pola experimentación formal se une a un sentido do humor e un espírito visionario singulares.
PROGRAMA 2
SEGUIMIENTO DEL ROSTRO DE FELIPE | Juan Sebastián Bollaín, España, 1975-1993, super 8, 10 min.
Unha selección desta serie de películas en super 8 nas que Bollaín rexistra o crecemento do seu primeiro fillo, e que describe así: “Cada mes filmábase o busto de Felipe, dende o seu nacemento ata os 18 anos (momento no que o daquela adolescente se negou a seguir pousando). Ordenáronse e montáronse escenas de 30 fotogramas por mes, nunha sucesión de rápidos encadeados de 12 escenas cada ano. Deste xeito, vemos o neno medrar de maneira suave e continuada. Ademais, se es escolleron 30 fotogramas para cada mes, isto equivalía dalgunha maneira a un fotograma por día, ao longo de toda unha vida que así desfilaba ‘en vivo’ durante uns poucos minutos, ante os ollos atónitos do espectador”.
SECCIÓN DE CINE EXPERIMENTAL DE ARQUITECTURA
Un grupo centrado na investigación sobre as posibilidades do cine como medio de expresión e divulgación dos problemas da cidade e do urbanismo en xeral, fundado en 1967 por Bollaín e Jaime López de Asiain na Escola de Arquitectura de Sevilla. “Pretendemos escapar da estreitura dos sistemas lineais de información, abríndonos ás posibilidades derivadas da imaxe en si mesma e na súa relación con outras imaxes. Interésanos, en definitiva, investigar os diferentes ángulos, dende os cales se pode acceder á totalidade dun mesmo fenómeno. A arquitectura está aí para ser vivida e xulgada, e non para aceptala pasivamente. Deste xeito podemos cambiar o que non nos gusta dela”. (parte do manifesto fundacional da Sección)
SEVILLA TUVO QUE SER | Juan Sebastián Bollaín, España, 1979, super 8 a 16mm, 9 min.
Primeira parte da tetraloxía “Soñar con Sevilla”, unha suposta reportaxe dunha cadea de televisión americana sobre as virtudes da avanzadísima cidade de Sevilla e todas as súas reformas urbanísticas e cidadás: dende a implantación da retransmisión pública da Semana da Pornografía, aos curiosos métodos para achegar os fenómenos meteorolóxicos aos cidadáns ou para facelos participar na vida e mais na configuración da cidade.
SEVILLA EN TRES NIVELES | Juan Sebastián Bollaín, España, 1979, super 8 a 16mm, 9 min.
Informativo cinematográfico “rescatado” dun arquivo sobre a Sevilla de 1995, na que vemos os gloriosos resultados da reforma da cidade, que agora se estratifica en tres niveis: as azoteas, nas que viven os criminais e mailos outsiders, facilitaron a eliminación da delincuencia e dos cárceres; ao nivel da rúa viven os cidadáns que traballan, o comercio, o frenesí produtivo. No nivel subterráneo segue viva a Sevilla de séculos pretéritos.
SEVILLA ROTA | Juan Sebastián Bollaín, España, 1979, super 8 a 16mm, 10 min.
Entre o surrealismo e a nouvelle vague, unha película que rompe coa lóxica lineal grazas á montaxe de choque e ao estrañamento. O resultado, unha ficción satírica e fantasiosa que imaxina outra cidade posible, e que de paso revisa o propio traballo de Bollaín mediante unha expresa declaración das intencións do autor detrás da tetraloxía.
OTROS EVENTOS
En este momento no hay otros eventos relacionados. Visita nuestra página de inicio para buscar más eventos.
Ir a Inicio