PLAY-DOC FESTIVAL - NEGRO PÚRPURA
ENTRADAS
INFORMACIÓN
NEGRO PÚRPURA
Sabela Iglesias, Adriana P. Villanueva / 90 min / 2021 / España
Negro Púrpura retrata a Galiza do s. XX a través do cláviceps purpúrea, un fungo alucinóxeno que agroma nos cereais e que abre as portas a unha historia tan curiosa, sorprendente e descoñecida como importante no devir da nosa cultura e da economía dunha época. Caruncho, cornecelo, dentón, cornello, grao de corvo… este fungo de mil nomes conéctanos co resto do mundo e alimenta os relatos dende a porta da veciña ata as multinacionais farmacéuticas e a CIA; dende as pragas medievais, pasando pola medicina popular, ata o LSD. Historias esparexidas que deixan un gusto amargo ao pan de centeo e que repercuten traspasados os océanos. Unha codia que garda un miolo delirante.
Play-Doc consolidouse en todo un referente dentro do panorama cinematográfico internacional, logrando manter un modelo de festival singular cunha programación rigorosa para un público masivo e extraordinariamente heteroxéneo. Ao longo destes dezaseis anos, Play-Doc converteuse nun lugar ideal para o encontro de novos creadores e polo que pasaron verdadeiras lendas do cinema, así como cineastas de culto, esquecidos, censurados ou descoñecidos. A organización presentará unha edición especial, adaptada ás circunstancias e aos protocolos de seguridade requiridos en cada momento, para iso, nesta ocasión, o Festival pretende achegarse máis ao público, saír á rúa, e facer que parte da súa programación tamén se poida gozar en diferentes localizacións da cidade fronteiriza. O Teatro Municipal seguirá sendo o seu punto de encontro principal pero súmanse lugares como o Seminario, convertida na súa segunda sede, e outros puntos da cidade onde o público poderá participar nun gran número de actividades como proxeccións, concertos, roteiros cinematográficos, obradoiros, encontros, performances audiovisuais, etc.