A memoria propia e allea e as súas confluencias, reais ou imaxinadas: ese é o corazón do traballo da portuguesa Tânia Dinis. Desde 2011, Dinis desenvolveu unha obra na que investigación e creación danse a man a través da súa escavación incesante ao redor dos arquivos familiares, tanto persoais como anónimos. Un traballo que se prodigou tanto por formatos expositivos como de performance, e tamén en forma de películas que constrúe a partir de filmacións propias en super 8 e collages de materiais (buscados e/ou atopados) como películas, cartas, fotografías, diapositivas e obxectos de todo tipo. Nesta sesión poderemos ver algunhas das súas películas e a adaptación da súa investigación/performance Álbuns da terra.