PLAY-DOC FESTIVAL - TALLER O IMAXINARIO DA FRONTEIRA
ENTRADAS
INFORMACIÓN
O IMAXINARIO DA FRONTEIRA
Obradoiro de cinema comunitario.
“O único bo que teñen as fronteiras son os pasos clandestinos.”
Manuel Rivas
Obxectivos
A fronteira como limbo xeográfico, político, económico ou lingüístico é un dos conceptos máis ricos e complexos do noso imaxinario cultural. A fronteira física, a fronteira metafórica, a fronteira emocional. Nun tempo no que a meirande parte da cidadanía cre con firmeza e determinación na irmandade, solidariedade e respecto entre os diferentes pobos, as fronteiras continúan a ser escenario de tráxicos conflitos políticos, migratorios e mesmo bélicos.
A fronteira entre Tui e Valença do Minho non só é unha das máis concorridas e permeables de toda Europa, senón que representa un magnífico exemplo de irmandade, cooperación e convivencia entre pobos veciños.
Dende esta perspectiva, o noso obradoiro convida aos veciños e veciñas de de toda a comarca a reflexionar sobre a súa propia experiencia da fronteira, ben sexa como espazo físico, emocional ou metafórico.
Que significa, en pleno século XXI, a idea de fronteira? De que xeito se relacionan os veciños e veciñas a un e outro lado da Raia? Como narrar, describir, retratar… en definitiva, representar cinematograficamente ese espazo mítico?
Proxección das pezas resultantes de este taller audiovisual. Dirixido por Eloy Domínguez Serén e coa participación de: Raquel Diz, Paco Serén, Henar Alonso, Sofía Dagá, Noemí Guisande, Antonio Lago e Andrea Sermeno.