Enterticket

VAL DEL OMAR: O CINEMA COMO ELEMENTO (2)

Event Header

ENTRADAS

Información

Entradas no disponibles. El evento ha finalizado.

INFORMACIÓN

Event Card
VAL DEL OMAR: O CINEMA COMO ELEMENTO (2)

Val del Omar, o cinema como elemento é un programa que parte do seu Tríptico elemental de España coa idea de poñer en relación o legado de José Val del Omar co panorama do cine internacional pasado, presente e futuro. Cremos que é importante dotar a Val del Omar dun contexto que poña en evidencia o seu espírito visionario e pioneiro. Val del Omar, que foi un artista total, un poeta do cine, un técnico de visión expandida e un místico, preséntase case sempre coma unha rara avis, un francotirador solitario que foi quen de inventar o cinema experimental el só dende as distintas localizacións dos seus laboratorios ao longo do século XX, ata a súa morte en 1982. O que pretendemos a través deste programa é situar o seu traballo a carón do de figuras que viviron no mesmo tempo ca el, e que dende núcleos cosmopolitas, e formando parte de diversas escolas e correntes artísticas, chegaron practicamente aos mesmos descubrimentos e conclusións que Val del Omar: deste xeito, o seu traballo insírese nunha historia global do cine e da arte de vangarda. Por outra banda, unha boa parte do programa inclúe películas de creadores contemporáneos nas que o seu pulso ou os seus descubrimentos seguen presentes, ben como influencia directa ou indirecta. Desta maneira evidénciase a atemporalidade dos seus achados, aínda vixentes no cine do presente.

PROGRAMA 2

TERRA

LEVANTAMIENTO DE UNA ISLA | Valentina Alvarado, España, 2017, super 8 a vídeo HD, 5 min.

O barro da terra galega tórnase aquí en barro transatlántico, en textura plástica a través da cal Valentina Alvarado fala sobre a busca de terra firme.

THE SEISMIC FORM | Antoinette Zwirchmayr, Austria, 2020, 16mm a vídeo HD, 15 min.

Esta “forma sísmica” da cineasta austríaca fai eco co lado máis performativo e onírico de Acariño galaico. Unha posta en escena suxestiva conecta a terra volcánica co corpo humano dun xeito sensual. O elemento e maila súa textura, entretecida no celuloide, como principal materia.

ALTARES | Colectivo Los Ingrávidos, México, 2019, 16mm, 4 min.

Coa terra sempre presente, Altares conecta coa iconografía primitiva e coas profundas raíces do simbólico no inconsciente colectivo. A morte asoma entre as figuras que retrata o Colectivo Los Ingrávidos con axitado pulso, en diálogo coas figuras talladas en pedra do filme de Val del Omar

LUME

MONTAÑAS ARDIENTES QUE VOMITAN FUEGO | Helena Girón y Samuel Delgado, España, 2015, 16mm a vídeo HD, 14 min.

Os misterios insondables ocultos na terra, raíz do pensamento místico de Val del Omar, transfórmanse no traballo de Girón e Delgado nunha sorte de misticismo da resistencia. Neste filme, o lado máis escuro dunha peza como Fuego en Castilla convértese en ardente lava combativa que atravesa os tempos.

THE ADVENTURE PARADE | Kerry Laitala, Estados Unidos, 2000, 16mm, 5 min.

Kerry Laitala conecta, a través das súas películas e performances, co lado de Val del Omar máis comprometido co descubrimento técnico. Laitala, retomando a tecnoloxía dos albores do cine, desborda e extrae posibilidades insólitas do celuloide. Nesta peza a cineasta faise eco, sen sabelo, do uso insólito (fantasmal e opticamente fascinante) da iconografía relixiosa de Fuego en Castilla.

HURRY, HURRY! | Marie Menken, Estados Unidos, 1957, 16mm, 5 min.

Nesta rareza de Marie Menken (que tamén recolleu no seu cinema as marabillas da Alhambra) feita con metraxe atopada, vemos o reflexo da velocidade ardente da vida moderna da que fala Val del Omar na súa peza, á vez que tamén atopamos paralelismos no emprego do son e na construcción do mesmo coa peza do xenial granadino.

AUGA

CYCLOPS OBSERVES THE CELESTIAL BODIES | Ken Jacobs, Estados Unidos, 2015, 15 min.

É no elemento da auga (no canto do lume) no que este programa atopa un eco da TactilVisión valdelomariana: trátase dos experimentos co 3D do histórico cineasta da vangarda Ken Jacobs, tamén deseñados para ver en tres dimensións sen necesidade de filtros ou gafas. O “3D para ciclopes” de Jacobs baséase na rápida alternancia de imaxes estereoscópicas, negativas e positivas. Neste caso, aplicada á imaxe do chorro dunha fonte que dialoga coas fontes de Aguaespejo granadino.

EAUX D’ARTIFICE | Kenneth Anger, Estados Unidos, 1953, 16mm, 14 min.

Aínda que con outras preocupacións subxacentes, o sofisticado xogo de Kenneth Anger coas fontes dos xardíns da Villa d’Este en Tivoli atopa un parangón en moitos aspectos de Aguaespejo granadino. Ao mesmo tempo e dende a outra beira do Atlántico Anger compartía, sen que ningún dos dous puidese chegar a intuílo, recursos estéticos e estilísticos con Val del Omar no seu xeito de mirar o elemento acuático, incluído o virado da cor da imaxe tan relacionado co cinema impresionista e as primeiras vangardas.

PUCHUNCAVÍ | Jeannette Muñoz, Chile, 2019, 16mm, 3 min.

A cineasta chilena entrégase na auga á súa faceta máis poética e profunda neste novo fragmento da súa obra total Puchuncaví. A lírica, a emoción e a pureza primixenia que Val del Omar retrata atopan un espello no cinema de Muñoz, que pecha con delicado alento o programa.
SALA (S8) PALEXCO
05 jun 2021
Recinto
SALA (S8) PALEXCO
DirecciónPeirao de Transatlánticos, s/n, 15003 A Coruña
Horario
HorarioApertura 20:00 h - Inicio 20:30 h

OTROS EVENTOS